About querENDO Mulleres con endometriose

QuerENDO é unha asociación de mulleres afectadas pola endometriose en Galiza.

querENDO que a Endometriose deixe de ser unha epidemia oculta

O 25 de marzo de 2017 en querENDO. Mulleres con endometriose organizamos en Vigo unha xornada de divugación da doenza na que participaron as dúas doutoras que levan no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo as consultas específicas de endoemtriose.

Agora, para todas as que non puidestes estar aquel día con nós, tendes ao voso dispór as súas intervencións.

Intervención da Dra María Vieitez.

Intervención da Dra Helena Rodríguez.

Rolda de preguntas

querENDO lembrar o 25 de marzo de 2017

Marzo é o mes da endometriose e o 25 de marzo foi o escollido pola Endomarch World para ser o día da loita contra a dor da endomtriose neste ano 2017.

A semana comezou cunha invasión de lazos amarelos no parlamento de Galicia. Non nos deixaron soas. PPdeG, En marea, PSdeG e BNG, todos os grupos do Parlamento levaron o lazo amarelo ao salón de Plenos. Pronto Twitter e Facebook espallaron as imaxes e a nós deunos por pensar que é preciso que se recupere aquel espírito do 22/04/2016 cando por unanimidade o Parlamento Galego pediu á Consellería de Sanidade solucións aos nosos problemas.

Os medios de comunicación tampouco nos deixaron soas e enchemos horas de radio, TV e páxinas de xornais. Da Radio Galega a TVG, de intereconomía á cadena ser, a radio Voz ou a Faro de Vigo todos botaron unha man para visibilizar a nosa dor.

Chegou o día 25 e ben vimos que nas rúas de Vigo algo non era normal

Na Sala de Conferencias de Afundación -cedido desinteresadamente para divulgar a endometriose- as Dras Helena Rodríguez e María Vieitez do Servizo de Xinecoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro impartiron a conferencia A ENDOMETRIOSE: A EPIDEMIA OCULTA.

As Dras Vieitez e Rodríguez fixéronse cargo das primeiras consultas específicas de endometriose en Galicia e nunca lles agradeceremos suficientemente a súa colaboración. Unha vez que remataron a súa intervención moitas pacientes e familiares, así como médicos de familia como o Dr Manuel González Moreira, especialistas en reprodución asistida como o Dr Roberto Reboredo ou cargos institucionais como a parlamentaria Dna María Pierres enriqueceron unha quenda de preguntas que custou moito interromper.

Na Porta do Sol cando chegamos xa estaba tocando o grupo The Marveltons que tampouco nos deixaron soas. Unha colaboración tamén desinterasada e que os asistentes disfrutaron moito.

Os The Marveltons encheran de boa música o espazo que pronto ocupamos nós coas nosas reivindicacións. Rocío de Meis, María de Vigo, Ana de Cervo, María de Culleredo e Iria de Cangas puxeron voz ás nosas demandas.

Ao rematar fixemos unha foto para o recordo. Brazos e toxos ben arriba para lembrar a dor da endometriose. 

No acto había representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública, do Concello de Vigo -a Concelleira de Benestar Social Isaura Abelairas entre outros-, dos grupos parlamentarios do PP -Dna Marian Garcia Miguez-, do PSdeG -María Pierres e J. Torrado-, de partidos como UPyD e desculparon a súa asistencia varios deputados de En Marea e BNG así como concelleiros de diferentes grupos ou o alcalde de Vigo que estaba fóra da cidade.

Pola noite algunhas das nosas socias aínda tiveron tempo de pasar pola fonte da Praza de Jenaro de la Fuente a ver como se tinxía de amarelo en solidariedade coas mulleres con endometriose.

A todos, a todas moitas grazas por non deixarnos soas!

querENDO que en marzo se fale moito da endometriose

Aquí e na China conchinchina marzo é o mes da ENDOMETRIOSE. Nós este ano celebrámolo en Vigo

Coincidindo coa EndoMarch, que se vai celebrar en localidades de todo o mundo, querENDO convoca unha xornada de divulgación da doenza en Vigo o 25 de marzo.

11.00h. Na Sala de Conferencias de Afundación de Abanca en Rúa Policarpo Sanz 24-26 

As xinecólogas da Unidade de Endometriose do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Dna Helena Rodríguez e Dna María Vieitez impartirán unha conferencia sobre Endometriose.

Ao rematar a conferencia abrirase unha quenda de preguntas para as asistentes.

A Sala de Conferencias ten un aforo limitado. Agradecemos que nos enviedes un correo confirmando asistencia a mulleresconendometriose@gmail.com

13h. Concentración ao pé do Sireno na Porta do Sol

  • Lectura do Manifesto da Endometriose 2017
  • Fotografía colectiva “Mans arriba pola endometriose”.

E para amansar a nosa dor contaremos coa música de The Marveltons, unha banda viguesa de versións que se comunica en clave de Soul, Funky, Rock&Roll… The Marveltons é diversión e espectáculo, cada un dos músicos aporta un toque particular a este combinado para acabar facendo un cóctel explosivo que seguro que nos fai mover os pés e algo máis.

Estades convidadas, estades convidados.

Vés con nós?

querENDO saber máis de nós mesmas

img-20161116-wa0002Sabes algo do Tao da muller? E do solo pélvico? Cres que a relaxación che podería axudar coa dor da endometriose? Pois daquela este sábado pola tarde non podes faltar!

Leo Gesto vai impartir un taller para nós.

Grazas Leo!

IMPORTANTE: ven cunha esterilla, unha mantiña e roupa ben cómoda! Ah, e avisa que vas vir no correo mulleresconendometriose@gmail.com e se queres vir á xuntanza de pola mañá tamén serás benvida. Estaremos de portas abertas no Centro Social de Conxo. Praza Aurelio Aguirre SN Conxo Compostela.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

querENDO facernos visibles

O mundo está cheo de persoas xenerosas que axudan a outras persoas. Cando esas persoas son un grupo de mozos e mozas que se están formando nun instituto do Morrazo -IES As Barxas- e que sen que nós o saibamos, case ás agochadas, nos preparan un vídeo coma este para difundir a endometriose…

 

Só lles podemos dicir unha cousa:

Mil grazas! Sodes uns craks!

As ilustracións son de Patricia Trigo, o story fíxoo Aitor, a animación e a edición fixérono os alumnos de Debuxo artístico de 1º de Bacharelato do IES As Barxas de Moaña e coa supervisión da súa profesora Luz Beloso.

Grazas a eles moitas mulleres saberán que poden sufrir unha doenza que se chama endometriose e que é preciso buscar un diagnóstico e unha cura.

Compartídeo nas redes sociais, enviádeo por correo, amosádello ás vosas alumnas, que se saiba que 1 de cada 10 mulleres ten endometriose e que o 15% destas ten formas severas da doenza.

querENDO saber máis de endometriose

IMAG2550

Organizada pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns o vindeiro 29 de febreiro de 2016 ás 17h no Hospital Nicolás Peña de Vigo vaise celebrar unha xornada formativa e informativa sobre Endometriose. Intervirán as doutoras Dna María Vieitez e Dna Helena Rodríguez -unidade de endometriose do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo-. A xornada foi solicitada por querENDO Mulleres con endometriose e está pensada para pacientes, familiares e cidadáns en xeral. A xornada é gratuíta e só hai 30 prazas disponibles.

Podedes inscribirvos aquí nesta páxina do SERGAS.

Falarase de:

Endometriose. Cales son as causas e con qué está relacionada. Diagnóstico e tratamento. Cando contactar co médico. Síntomas. Posibles complicacións. Prevención. Dúbidas e preguntas.